Inversa Teatro participa no último número da Revista Galega de Teatro.

Inversa Teatro colabora nun artigo sobre a distribución das Artes Escénicas en Galicia no número 69 da Revista Galega de Teatro.

A RGT saca á rúa o seu número 69, correspondente ao inverno 2011-2012 e faino mantendo as súas seccións habituais e achegándose á dramaturxia portuguesa coa edición do texto Padam Padam, de Jose Maria Vieira Mendes (Lisboa, 1976). Deste xeito, a publicación consolida a súa aposta por tender pontes de intercambio co mundo da lusofonía despois de editar hai un ano Nunca estive en Bagdad, de Abel Neves.

Dentro das diferentes seccións deste número 69 da RGT, destaca o traballo “Sexo e Teatro” asinado por Afonso Becerra de Becerreá incluído no apartado ESPAZOS. O propio Becerra é tamén autor do artigo “Escenarios do corpo” que xunto coa experiencia de Metátese e Alentía Teatro en Guatemala pechan esta sección.

O apartado TEMAS está reservado ás protestas que o sector das artes escénicas levou a cabo durante o outono en “Crónica dunha rebelión” que asina Xosé Manuel Pazos, a desaparición da Feira Galega das Artes Escénicas que realiza Zé Paredes con “Non houbo Feira…” e a conversa con diferentes axentes de distribución de artes escénicas en Galicia.

Por outra banda, a sección ENTREVISTAS está adicada as compañías Lagarta Lagarta e Teatro de Ningures, que vén de cumplir 25 anos de traxectoria.

Por último, xunto coas seccións habituais de FESTIVAIS, LIBROS, AXENDA e FICHEIROS, destaca o apartado ESPECTÁCULOS coas críticas das montaxes Oeste solitario, de PT Excéntricas,  O florido pénsil, de eme2 producións e Uno de Nabeirarrúa Danza.

A Revista Galega de Teatro ten carácter trimestral e distribúese en máis de 50 librarías galegas. O seu prezo por unidade é de 5,50 euros. A subscrición anual é de 18 euros.


*Mais Información: Vanesa Sotelo (651 143 776), Antón Lamapereira (626 839 675)