Té con Kant no Festival Internacional Cómico da Maia- Portugal

Chega ó Festival Internacional de Teatro Cómico da Maia– Portugal o novo de Inversa Teatro, Té con Kant, escrita e dirixida por María Caparrini e Marta Pérez e interpretada por María Roja e Marta Pérez. A cita será este luns 23 no Centrar’Arte Café Concerto ás 23 horas.
As próximas datas en Galicia son o 4 de Outubro no Liceo Mutante de Pontevedra e o 5 de Outubro en Extramuros-A Coruña.

Té con Kant é un proxecto experimental que conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica xogando co humor e a ironía para obter unha peza de teatro íntimo próxima ao formato de teatro-didáctico-conferencia.

 Johanna Gottfried e Theodora Krauss son dúas mulleres ilustradas chegadas á nosa época nunha viaxe no tempo desde a Prusia do S. XVIII. Unha vez aquí tentarán exercer como axitadoras filosóficas coa pretensión de remover e promover a reflexión (e acción) do público asistente ao redor da problemática moral nos nosos días, a partires das ideas do seu amigo o filósofo Inmanuel Kant. A última decisión sobre o destino destas personaxes dependerá unicamente do público asistente. Atréveste a pensar con nós?