Inversa participa na Santa Bolaña.

Inversa estará este sábado 21 de Decembro polas rúas de Compostela con esta curiosa procesión da Santa Bolaña. Marta Pérez estará a cargo da peza Pressing Catch de Paula Carballeira no bar As Dúas.

A “Procesión da Santa Bolaña” regresa ás rúas e tabernas de Santiago DC para celebrar un ano máis o seu ritual de viño, festa eteatro no solsticio de inverno. A procesión vaise realizar o vindeiro sábado dia 21 de Decembro, e facendo fe de puro paganismo, como xa é tradición, recorrerá as rúas de Compostela entre cánticos e ladaíñas profanas facendo parada e via crucis dramático en distintas tabernas do casco vello.Dedicada o ano pasado na íntegra á figura de Roberto Vidal Bolaño, nesta segunda edición a Santa Bolaña ábrese ás novas xeracións de dramaturgas e dramaturgos do país, e o público asistente poderá recrear, entre viño e viño, fragmentos da obra de autoras e autores como Clara Gayo, Paula Carballeira, Santiago Cortegoso, ou Pepe Sendón, cunha recreación especial dun fragmento de Caprice des Dieux, histórica peza do proprio Bolaño, a xeito de testigo no final do ano dedicado ao dramaturgo compostelán no Día das Letras Galegas.

As recreacións teatrais estarán monitorizadas por varias persoas ligadas á creación escénica galega no papel de confrades maiores, sendo este ano Comba Campoy, Marta Pérez, Santiago Cortegoso, e Zé Paredes. A xornada dará comezo pola mañá ás 12:30h na Libraria Couceiro cunha charla baixo o acaído título “Ulo Teatro Popular?, na que os participantes, moderados polo tamén dramaturgo e coordinador do evento Carlos Santiago, debaterán sobre a raíz popular do teatro e a actualidade do misterio bufo. Xa pola tarde, a procesión partirá da Asociación de Veciños “As Brañas de Andrés”, nos Pelamios, barrio natal de Vidal Bolaño, onde será lido o bando da confraria bolañesca e Leo Arremecaghona fará as honras musicais. A procesión iniciará de seguida a ascensión da Costa Vella para visitar en laica congregación o Café Bar Trece, o Xa Chegou, o Bar As Dúas, o Grándola e o Pozo, rematando no Pub Avante con concerto e foliada.

Impulsada pola Candidatura do Povo e outros colectivos sociais e veciñais de Santiago, a Santa Bolaña reafírmase nesta segunda edición como ritual anual de carácter carnavalesco e reivindicativo e evento senlleiro do teatro popular.

Confrades Maiores

Marta Pérez
Actriz e creadora escénica, directora da Cia Inversa Teatro, e creadora xunto a Vanesa Sotelo de espectáculos de aberto carácter experimental como “Expostas” “Kamouraska” “Paper Dolls” ou “Té con Kant”, a partir da dramaturxia contemporánea galega.

Comba Campoy
Xornalista, guionista e actriz, participou na dirección escénica de distintas montaxes como “Menciñeiros” da Cia Volta e Dálle, ou “Os vellos non deben de namorarse” de “Ollomao de Barreiros”. Como investigadora traballa nunha tese doutoral sobre o teatro popular de títeres e o histórico colectivo Barriga Verde.

Santiago Cortegoso
Actor, director e autor de textos como Smoke on the water (Premio Varela Buxán 2013), El charco de Ulises (Iberescena 2010), 0’7%Molotov (Premio Rafael Dieste 2009) ou Hámster (Magalia 2008). Coa súa Cia Ibuprofeno Teatro, creou A filla de Woody Allen, Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios (Premio María Casares 13) e Fitness.

Zé Paredes
Actor e director de escena formado en Portugal, e director, xunto a Mónica Caamaño, da Cia Teatro Nu. En coautoría con Xosé Manuel Pancho Blanco gañou a XVI edición do premio Rafael Dieste coa peza “Teatro ou xeitos de cargar unha arma”.

  1. Helde

    Hello, your page has high bounce rate, that’s why it doesn’t rank in google and lose average 60% of traffic. You should install one useful wp plugin and you will see difference fast. Just search in google for: Dasusuri’s Bounce Plugin

Comments are closed.