Té con Kant viaxa a Valencia

INVERSA TEATRO VIAXA A VALENCIA CON TÉ CON KANT

A presentación da peza será o día 4 de setembro na Sala Matilde Salvador dentro do Marco do I Congreso Internacional de Filosofía

Inversa Teatro presenta a súa peza Té con Kant este xoves 4 de setembro na Sala Matilde Salvador de Valencia ás 20:30 horas. A peza represéntase dentro do marco do I Congreso Internacional de Filosofía que organiza a Red Española de Filosofía (REF), co título Los Retos de la Filosofía en el S. XXI que se celebra nesta capital desde o día 3 ata o 5 de setembro e onde se atopan grandes nomes da filosofía española contemporánea. Isto reafirma o carácter marcadamenete filosófico que posúe a peza, abrindo novos camiños para a exhibición da mesma.

A compañía galega amosa esta obra despois de estar presente recentemente coa mesma no VIII Festival ENITBAR de Barranquilla en Colombia e de ter pasado xa por diferentes espazos, teatros e Festivais en Galicia, España e Portugal.

 

Té con Kant é unha peza escrita e dirixida  por María Caparrini e Marta Pérez  e interpretada por María Roja e Marta Pérez. Té con Kant é un proxecto experimental que conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica xogando co humor e a ironía para obter unha peza de teatro íntimo próxima ao formato de teatro-didáctico-conferencia.

Johanna Gottfried e Theodora Krauss son dúas mulleres ilustradas chegadas á nosa época nunha viaxe no tempo desde a Prusia do S. XVIII. Unha vez aquí tentarán exercer como axitadoras filosóficas coa pretensión de remover e promover a reflexión (e acción) do público asistente ao redor da problemática moral nos nosos días, a partires das ideas do seu amigo o filósofo Inmanuel Kant. A última decisión sobre o destino destas personaxes dependerá unicamente do público asistente a partires do Imperativo Categórico Kantiano.

Un espectáculo para espazos non convencionais que rememora ós Salóns clandestinos do S. XVIII.  Por elo, para poder acceder é preciso dunha contrasinal e onde, a partires de fotomontaxes, video-proxeccións e xogos de sombras, estas mulleres prusianas tentarán persuadir ó público asistente: deben voltar ou deben quedar?

Próximas datas en setembro de Inversa Teatro

As próximas datas en setembro para ver os espectáculos de Inversa Teatro son: o día 12 no novo Espazo Multidisciplinar Iskoö en Lugo e o 19 en La Buena Vida en Cangas do Morrazo con Té con Kant e o día 27 con Fémina Sapiens na Sala La Selecta de Madrid