Compañía

INVERSA Teatro é unha compañía profesional galega fundada e dirixida por Marta Pérez desde o 2009.

INVERSA Teatro fundamenta o seu traballo na convivencia de diferentes campos artísticos: artes escénicas, audiovisual, música e artes gráficas.

INVERSA Teatro aposta por un teatro contemporáneo e de experimentación onde poder levar a cabo textos de dramaturgos galegos contemporáneos.

Un dos pontos clave para INVERSA Teatro é a súa intención feminista. Non é casual que todas as súas obras cuestionen o papel da muller na sociedade.

Neste momento Inversa ten en cartel os espectáculos Expostas, A illa das mulleres loucas,  Kamouraska e Paper Dolls

Este é o terceiro ano que a AGADIC (Axencia galega das industrias culturais) aposta por Inversa e volveu recibir un apoio económico á continuidade de Compañía. Anterioremente, INVERSA Teatro recibiu axudas de producción da Agadic para Expostas e Kamouraska.

 

Paper Dolls

Paper Dolls é a cuarta producción de Inversa Teatro. A peza está dirixida por Lola Correa (Directora do Festival Alternativo Artes Escénicas de Vigo) e foi estreada o 20 de outubro no Auditorio Municipal de Vigo. Paper Dolls é un conxunto de material visual que, a través dos pasos de dúas mulleres, inventa situacións, exterioriza pensamentos e xoga a desafiar ao tempo pasado recreándoo nun presente ambiguo. No escenario asistimos a varios cambios de pel das actrices, que ó modo de bonecas de papel, amosan diferentes roles que pode adoptar o «ser feminino». O proxecto experimental Paper Dolls vai indiscutiblemente ligado ó documental sobre o proceso de creación da peza, concibido polo equipo audiovisual encabezado por Manu Paz e que sempre acompaña ás representacións. Este é un novo exemplo da aposta de Inversa pola convivencia de diferentes campos artísticos.

 

 

Kamouraska
Kamouraska é unha proposta escénica de corte contemporáneo e carácter asociativo que explora as claves do posdrama e elementos de creación colectiva. Está escrita e dirixida por Vanesa Sotelo e conta co traballo das actrices Bea Campos, María Caparrini e Marta Pérez. O proxecto experimental nace a partir da peza Lle langue-à-langue deas chiens de roche do autor quebequés Daniel Danis e a intención de transformala en posdrama. Con iso, a dramaturga Vanesa Sotelo (recentemente premiada co Premio Abrente de Textos Teatrais, co XIII Premio Josep Robrenyo en Cataluña e o IV premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural) obtén un espectáculo desde o que rirse da infelicidade para ser feliz.

 

 

Expostas
Expostas é un traballo de creación colectiva que parte do texto das catro actrices Vanesa Sotelo, Teté García, Rosa Puga Davila e Marta Pérez e que foi definido dramaturxicamente polo seu director, Carlos Álvarez-Ossorio. O traballo actoral complétase con Xose Manuel Esperante. Expostas é unha peza de corte contemporáneo na que o traballo escénico se combina co emprego do audiovisual en directo e xogos sonoros que manipulan os propios intérpretes. Este texto acaba de ser publicado pola Revista Galega de Teatro.

 

 

 A illa das mulleres loucas
A illa das mulleres loucas é un recital dramático baseado na obra homónima do poeta Alfonso Pexegueiro onde a linguaxe do corpo (interpretada polas actrices María Caparrini e Vanesa Sotelo) se combina coa propia voz do autor en escena e coa música orixinal que os integrantes de Berrogüetto Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (arpa) compuxeron para a ocasión e interpretan en directo. Isto sumado ao deseño de iluminación creado por Baltasar Patiño dá como resultado unha peza poética de gran plasticidade.