Marta Pérez

Actriz e creadora escénica. Licenciada en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela. Directora de Inversa Teatro- nacida en 2009- coa que leva nove producións teatrais: Expostas– da que é co-autora…

e que foi publicada pola Revista Galega de Teatro, Kamouraska, Paper Dolls, Té con Kant tamén co-escrita por ela xunto con María Caparrini Fémina Sapiens de autoría propia, Sofía (unipersoal) e Sofía e as Postsocráticas tamén de autoría propia, O Péndulo, co-escrita con Ernesto Is e Misión Imposible, co-producida con Aporía Escénica e co-escrita xunto Diana Mera. Inversa levouna a realizar xiras por Brasil, Colombia, México, Venezuela, EEUU e Portugal tanto no 2012 coma no 2013 e 2014.

Estudou interpretación nas escolas Santart e Espazo Aberto de Santiago de Compostela. No 2015 recibe o XV Premio Teatral Maruxa Villanueva pola súa interpretación en Té con Kant e pola súa traxectoria á fronte da Cía. Recibe tamén o Premio do público Coiro de Pita da Sala Ingrávida de Porriño polo espectáculo Té con Kant. No 2016 obtén o II Premio de Dramaturxia Breve da Pipa de Becerreá co texto Catiúscas. No 2022 O Péndulo recibe o Premio ao Mellor Espectáculo no FETEGA do Carballiño e acada dúas candidaturas aos Premios Max na a autoría e iluminación. Forma parte do Grupo DramaturXa do Centro Dramático Galego e publica O Péndulo no libro colectivo editado por Edicións Positivas e a Biblioteca CDG no 2019. Coa mesma editorial publica Tínder en xuño do 2021 (texto breve pertencente ao IV Torneo de Dramaturxia de Galicia da MITCF de Cangas) e no 2022 a nova versión de O Péndulo
Foi fundadora e co-propietaria da compañía de Teatro Arela das Artes desde 2002 ata o 2007, coa que realizou sete producións profesionais.

Traballou tamén para outras compañías como Cámara Negra Teatro, Noescafé Teatro (Alt Vigo), Fura dels Baus, Blanco & Roja, Lingoretas, Raigame Teatro, Escena-T e Aporía Escénica. No campo audiovisual, foi dobradora e participou en varias curtametraxes e longametraxes. Traballou como actriz contratada na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e imparte cursos a través da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. Foi convidada a diferentes Festivais e convencións teatrais en Galicia, España, Portugal e Latinoamérica onde impartiu distintos talleres, cursos, charlas e relatorios. Colaborou coas Embaixadas de España en Colombia e Venezuela, en concreto con cursos e talleres sobre as Artes Escénicas desde unha perspectiva de Xénero no Centro Aecid de Cartagena de Indias- Colombia e na Universidade das Artes de Caracas. Coordina os Encontros de Mulleres Creadoras de Galicia: Mulleres Creando dentro do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). Puntualmente tén colaborado escribindo artigos en diferentes revistas de teatro en Galicia e publicado en obras colectivas. Foi colaboradora do programa ZigZag Diario na sección Escénicas no curso 2018-2019.

Ten traballado tamén como presentadora para diferentes eventos e actos públicos, como o Festival SinSal, a Gala dos María Casares, os Premios Economía Azul, O Mar Tamén ten Mulleres, Curtas Armadiña ou o Festival Internacional Primavera de Cine.