O Péndulo. Nova montaxe de Inversa Teatro

Nace O Péndulo, a nova montaxe de Inversa Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) e a Area da Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra. Colabora o Concello da Cañiza, o Concello de Negreira e o Concello de Vigo.

Será precisamente en Vigo onde se realizará a estrea o venres 4 de marzo no Auditorio Municipal ás 20 horas e ao día seguinte, sábado 5, estará na Casa de Cultura da Cañiza ás 21 horas. No mes de marzo repetiremos no Auditorio Manuel Dopazo de Silleda o día 11 e no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar o día 26.

O Péndulo é unha obra de teatro-documento que nos amosa como se desenvolveu a sublevación militar de 1936 e o inicio da Guerra Civil en Galicia. Este achegamento á nosa historia colectiva faise desde o persoal. Marta Pérez, co-dramaturga e actriz, trasládanos a experiencia do seu bisavó, Tirso Gómez Freijido, natural de Ribadavia e residente na Cañiza. Membro do Partido Socialista, republicano e presidente da Casa do Pobo da vila. Tirso foi apresado e fusilado no ano 1936 no Castro de Vigo, xunto cos seus camaradas Justo Moure, Jesús Pérez e Antonio Mojón. Outro veciño da localidade, Benjamín Malvar, apareceu asasinado nunha gabia. Xunto con eles foi apresada tamén María Gómez, alcaldesa da Cañiza, pertencente a Esquerda Republicana, a única muller que exerceu ese cargo en Galicia durante a Segunda República. Esta última conseguiu salvarse do fusilamento no último momento, alegando un falso embarazo. Foi condenada a cadea perpetua e rematou vivindo en Lugo coa anarquista Urania Mella.

Co-escrita por Marta Pérez & Ernesto Is, dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio, interpretada por Rosa Puga Davila, Nerea Brey e Marta Pérez, con música e vídeo de Jesús Andrés Tejada, grafismo de Marieta R. e prensa a cargo de Dito e Feito Comunicación e RRSS de Samuel Merino.

A obra tamén será publicada por Edición Positivas dentro da colección de literatura dramática DiTeatro. Nesta edición poderemos atopar algúns dos documentos orixinais que as actrices manexan no espectáculo e que conforman parte da narrativa do mesmo. 

Documentos, Ficción, Realidade e Rol das Mulleres

Para a creación desta peza, desenvolveuse un proceso de investigación no que se recompilou documentación en diferentes formatos: escritos, fotografías e audios —seleccionados do proxecto ‘Nomes e Voces’ da Facultade de Historia de Santiago de Compostela— que recollen testemuños sobre a Guerra Civil e a represión franquista en Galicia.

Entre a documentación escrita contamos, por unha banda, coas cartas que os presos da Cañiza enviaron desde o cárcere ás súas familias; e pola outra, con documentos oficiais do Arquivo Militar de Ferrol, como as sentenzas de morte, as transcricións do xuízo, os interrogatorios ou os escritos do fiscal.

Na obra, os documentos combínanse coa recreación ficcional de diferentes momentos do pasado. Nesta convivencia entre a ficción e a realidade, a recreación de feitos históricos por parte das tres actrices, que interpretarán diferentes personaxes, fusiónase coa investigación da co-dramaturga sobre a súa historia familiar.

A decisión de contar cun elenco integramente feminino responde ó feito de que a través das mulleres da súa familia é como Marta puido acceder ó seu pasado. É por isto que son as mulleres as que narran todo o que acontece; as actrices Rosa e Nerea acompañan por momentos a Marta no percorrido das súas lembranzas e pensamentos pero outras moitas veces xogan a ser a alcaldesa María Gómez, Pura Martínez Garrido (filla do Alcalde Martínez Garrido), Urania Mella, avogadas, veciñas, tías e mesmo a súa avoa e bisavoa.

Este punto de vista que Inversa presenta sobre as táboas ten que ver coa propia filosofía da Compañía, que xa desde o seus inicios no 2009 tivo unha intención deliberadamente feminista.

______________________________________

Post your thoughts